causes

4000 motivos

03-09-2021

Ven, 03/09/2021 - 11:44 adm

EN SETEMBRO ACIAFOZCCA REPARTIRÁ 4.000 MOTIVOS EN APOIO DO COMERCIO LOCAL. A CAMPAÑA EU FAGO POBO CHEGARÁ, ENTRE OUTROS, AOS CENTROS DE ENSINO E AOS LOCAIS COMERCIAIS E HOSTALEIROS ASOCIADOS.

Foz, 3 de setembro de 2021. Durante o mes de setembro AciaFozCCA repartirá entre os centros de ensino e os locais asociados 4.000 motivos en apoio do comercio local. O slogan desta nova campaña de concienciación é Eu fago pobo.

O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explica que “con estes 4.000 motivos que faremos chegar aos colexios, institutos, garderías, centros de día, aos locais comerciais e hostaleiros, entre outros, o que queremos é visibilizar, concienciar, educar, valorar e xerar opinión sobre a importancia que ten o comercio local para o noso pobo, sobre o importante que é ser unha persoa emprendedora, sobre a necesidade de darlles continuidade aos negocios familiares e tamén sobre o positivo que supoñen as unións á hora de iniciar proxectos novos”.

Paleo engade que “a mellor forma de concienciar sobre todo isto é facelo desde as escolas e desde as garderías. Temos que crear conciencia de facer pobo todos e todas xuntos. Por iso eses 4.000 motivos van estar presentes no arranque do novo curso escolar”.

O presidencia de AciaFozCCA tamén anima “a seguir facendo pobo mercando no comercio local todo aquilo que precisemos para a volta ao cole e para a chegada do outono. O verán para o sector turístico, comercial e hostaleiro foi bo. Agora, entre todos, imos apostar por pasar os vindeiros meses o mellor posible”.

A campaña Eu fago pobo foi organizada por AciaFozCCA, que conta coa colaboración de ImpulsaFoz, Concello de Foz e Xunta de Galicia.