Vinte locais hostaleiros participan nas xornadas dedicadas ás tapas ecolóxicas, que organiza o Centro Comercial Aberto de Foz e que se celebrarán os días 29 e 30 de abril. A cita gastronómica foi presentada esta mañá pola secretaria da asociación Olaya Pedrosa e polos vocais Rubén Rodríguez e José Ramón Río.
Os locais participantes son: Bar 78, Acuario, Mayros, Anduriña, Casa Maño, Portovello, Fraggle Rock, Marexada, O Paseo, O Rincón do Mis, A Viela, As Brasas, Costumes do Mar, Dandy, Fina, Tangarte Mariñeiro e Tangarte Mesón.
Desde a directiva de Acia/CCA de Foz sinalan que “o obxectivo é dar a coñecer os produtos ecolóxicos que temos nesta zona, na Mariña luguesa. Queremos promocionar este novo modelo de negocio que hai na nosa comarca, onde se cultivan patacas, pementos, tomates e outras verduras, legumes e froitas ecolóxicas, sen esquecernos do noso peixe e da exquisita carne”.
O Centro Comercial Aberto anima “a achegarse a Foz a vindeira fin de semana para saborear as propostas que atoparán na nosa hostalería e que serán cociñadas con moito esmero, coma sempre”.
Arte nos escaparates
Desde Acia/CCA de Foz lembran que “ata o 15 de maio segue a mostra Arte nos escaparates, enmarcada dentro da Semana de Arte da Mariña. Varios comercios asociados expoñen nos seus escaparates traballos dos artistas da nosa comarca. É un bo momento para achegarse a gozar da arte, perfectamente fusionada coa moda desta tempada”. ( FARO NORTE COMUNICACIÓN)