Mañá, venres, terá lugar o segundo Campañazo de novembro, que organiza o Centro Comercial Aberto de Foz. Cada venres deste mes destínanse 300 euros para o Campañazo e outros 300 para o resto dos cartóns premiados.
O Campañazo pódese seguir en directo a partir das once da noite a través de Radio Foz, no 107.4 da FM. Aquela persoa que cante o Campañazo deberá chamar rapidamente á emisora desde o local no que estea a seguir o sorteo. E o mesmo deberán facer o resto de premiados cada venres pola noite.
Un total de 60 establecementos comerciais e hostaleiros participan no Campañazo do Centro Comercial Aberto de Foz, unha iniciativa que xa está consolidada, porque leva varios anos celebrándose nos meses de novembro e de xaneiro.
Entregados os primeiros premios
Nas últimas horas foron entregados os premios aos gañadores do venres pasado, do 4 de novembro. Sandra Feito Fernández cantou o Campañazo e recibiu 300 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados ao Centro Comercial Aberto. Sandra seguiu o sorteo en Xoyma e conseguira o seu boleto na Farmacia Antonia Ulloa. A premiada recibiu o seu agasallo de mans de Olaya Pedrosa, secretaria de Acia/CCA de Foz, que estivo acompañada por representantes de Xoyma e da Farmacia Antonia Ulloa. Os outros 300 euros en vales de compra repartíronse entre dez persoas. ( Faro Norte Comunicación)