"O Centro Comercial Aberto de Foz repartirá entre a súa clientela 4.400 euros durante o vindeiro mes de novembro.
O día 6 dará comezo unha nova edición do Campañazo na que participan 66 firmas comerciais asociadas, ás que poden acudir focenses e visitantes a conseguir os seus cartóns. Desde a directiva do CCA de Foz lembran que “o sorteo, que da comezo ás once da noite, hai que seguilo nalgún dos 19 locais hostaleiros que participan con nós nesta consolidada cita e hai que apurarse a chamar a Radio Foz si alguén canta cartón. O primeiro levará 300 euros e teremos outros 300 euros para repartir entre o resto dos cartóns premiados”. José Carlos Paleo engade que “falamos de euros en vales de compra para consumir nos locais asociados ao Centro Comercial Aberto”.
O Campañazo terá lugar os días 6, 13, 20 e 27 de novembro. Cada noite poranse en xogo 600 euros, o que fai un total de 2.400 euros en premios.
O Centro Comercial Aberto de Foz, está a participar na campaña de Nadal de A Mariña Federación, na que sorteará outros 2.000 euros entre os clientes que estean as facer as súas compras no comercio asociado ata o vindeiro 30 de novembro. O día 1 de decembro nun acto, que se celebrará ante notario, coñecerase o número da papeleta gañadora. A directiva do CCA lembra que “é moi importante que todas aquelas persoas que están a comprar no noso comercio desde o 15 de outubro ata finais de novembro garden as súas papeletas para despois comprobar si resultaron premiados. O 1 de decembro a través das redes sociais publicaremos o número gañador e tamén a través dos medios de comunicación”.( Faro Norte)