A Asociación Cultural Nois, coa colaboración do Concello de Foz, organiza o IV Festival Internacional de Música Bal y Gay, que se celebrará en Foz os días 27, 28 e 29 do vindeiro mes de agosto. No decurso deste festival celebraranse as semifinais e a final do concurso internacional de clarinete, no que se inscribiron máis de 40 clarinetistas procedentes de varios países de Europa, América e Asia. O xurado elixiu a 23 músicos para participar na fase final deste concurso que se desenvolverá no concello de Foz. Paralelamente terá lugar un curso de clarinete e de trompa, unha serie de concertos, sesións didácticas para os máis pequen@s e unha conferencia-concerto que ofrecerá o xornalista e escritor Juan Soto Gutiérrez, quen fora amigo persoal do compositor Bal y Gay.
O director do festival, Enrique Rodríguez Baixeras, explica que “este ano o Festival Internacional de Música Bal y Gay amplíase, xa que outros anos só facíamos un curso de clarinete e trompa, traíamos uns grandes mestres e tamén alumnos de superior e de máster; e aproveitando que esa xente estaba aquí facíamos unha serie de concertos. Pero este ano, vendo o éxito que tivemos na terceira edición, quixemos ampliar. Fixemos un concurso internacional de clarinete e a resposta foi moi grande, xa que temos inscritos, máis de 40, de todo o mundo. Temos xente de Xapón, EE.UU., Hungría, Alemania, Corea, etc… O xurado tivo que facer unha pequena criba e quedaron 23 finalistas, que son os que van vir aquí a Foz á final do concurso”.
Rodriguez Baixeras anuncia que “o concurso vaise facer na Casa da Cultura o domingo 27 de agosto, o luns 28 e o martes 29, as semifinais. A final vai ser na Sala Bahía cando queden tres finalistas, que van interpretar o concerto de Mozart de clarinete acompañados por unha orquestra sinfónica que montamos nosoutros”.
O director do festival engade que “ao mesmo tempo, paralelamente a todo isto, en Nois faise o curso, como outros anos, de clarinete e de trompa con máis de 35 alumnos inscritos; e temos unha serie de concertos que imos facer este ano na Casa da Cultura de Foz, no centro social A Saira, de Nois, e outro na casa do Conde de Fontao, en Santa Cilla. Ademais tamén temos un concerto para nenos que será no Cenima o venres, cun trío para que ensine o que é a música clásica aos nenos pequenos. Teremos tamén unha conferencia-concerto o martes no centro social A Saira sobre a figura de Bal y Gay que dará Juan Soto, que foi amigo persoal de Bal y Gay. Ademais, despois da conferencia de Juan Soto, imos interpretar unha obra de Bal y Gay moi importante, que é a súa sonata para clarinete e piano” ( Faro Norte- Comunicación)