causes

Sorteo día da nai

05-05-2024

Mar, 23/04/2024 - 22:53 adm

AciaFozCCA sorteará 1.000 euros en vales de compra na súa campaña do día da nai na que participan 72 comercios. 

Todas aquelas persoas que realicen as súas compras nos comercios asociados entre o 26 de abril e o 5 de maio entrarán no sorteo de 5 premios de 200 euros en vales de compra cada un. O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, explica que “poderán participar no sorteo as persoas cuxas compras sexan por importe superior aos 10 euros”.

O sorteo terá lugar o 8 de maio en directo a través da emisora local Radio Foz.

Paleo anima “a realizar as compras desta tradicional data no comercio local, no que temos a carón da casa. En Foz podemos atopar todo o que precisamos para agasallar ás mamás polo seu día. Un total de 72 comercios participan na campaña do día da nai de AciaFozCCA”. 

José Carlos Paleo lembra que “a clientela pode aproveitar a ocasión para facer uso dos Bonos Activa Comercio da Xunta. En AciaFozCCA estamos a disposición tanto dos comercios como dos seus clientes para axudarlles a descargar a aplicación desta campaña e resolverlles as dúbidas que poidan ter para que así poidan aforrar nas compras do día da nai. Toda axuda é boa”. 

O presidente da asociación focense engade que “tamén toca festexalo coa familia na hostalería local. Contamos cun sector da restauración moi importante, disposto a sorprendernos coas súas propostas gastronómicas nunha celebración tan especial coma esta do día da nai”.

AciaFozCCA conta coa colaboración do Concello de Foz e da Xunta de Galicia para a campaña do día da nai, que foi presentada hoxe por José Carlos Paleo, presidente da asociación empresarial focense, e polo alcalde de Foz, Fran Cajoto.