FOZ ACOLLERÁ A VINDEIRA FIN DE SEMANA O 1º PREMIO CENTRO COMERCIAL ABERTO DE WINDSURF. O EVENTO, QUE REUNIRÁ A UNHA TRINTENA DE REGATISTAS, FOI PRESENTADO ESTE MEDIODÍA.
Foz, 9 de febreiro de 2017. A ría de Foz será escenario esta fin de semana, os días 11 e 12 de febreiro, do 1º Premio Centro Comercial Aberto de Windsurf. Trátase dunha proba clasificatoria para o Campionato de España de Windsurf nas modalidades de Formula Windsurf, Raceboard e Techno 293. Da regata sairán seleccionados os representantes galegos na Copa de España que se celebrará en Alicante en marzo.
O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, relatou que “vimos de participar na presentación da regata de windsurf que organiza o Club Náutico de Foz coa colaboración do Centro Comercial Aberto, o propio Concello e a Federación Galega de Vela. A nivel autonómico é unha competición importante onde xa veremos un nivel bo e de onde sairán os representantes de Galicia para o campionato nacional”.
O rexedor dixo que “para o Concello de Foz ten un significado importante, pois segue habendo unha gran afección ao mundo da vela, especialmente ao windsurf, que se practica na ría de Foz desde hai moitos anos. Pode ser verdadeiramente espectacular a fin de semana que se espera, vendo os deportistas de alto nivel que aí van estar. É un momento bonito para citar á xente no Prado de Ramos, xusto na entrada da ría de Foz para poder ver voar a esta xente pilotando as táboas de windsurf”.
Javier Jorge Castiñeira felicitou “de antemán o traballo que se está a facer desde o Club Náutico de Foz e agradecer a colaboración, coma sempre, do Centro Comercial Aberto. Penso que estamos diante dun evento que pode ser moi interesante e que esta fin de semana lle vai agradar a moita xente que sexa afeccionada á vela e aos deportes como o windsurf”.( FARO NORTE COMUNICACIÓN)