A TERCEIRA FESTA VINTAGE, QUE SE CELEBRARÁ EN FOZ O 18 DE XUÑO, ESTARÁ DEDICADA AOS ANOS 60. O EVENTO, QUE XA FOI PRESENTADO, COINCIDIRÁ COA CONCENTRACIÓN DE COCHES CLÁSICOS E COAS XORNADAS GASTRONÓMICAS DEDICADAS Á MARIÑA CENTRAL.
Foz, 3 de xuño de 2016. Todo está listo en Foz para a celebración da terceira Festa Vintage, que organiza o Centro Comercial Aberto, o vindeiro 18 de xuño. O evento foi presentado nas últimas horas nas inmediacións do Concello de Foz coa asistencia do alcalde, Javier Castiñeira, o presidente de Acia/CCA de Foz, José Carlos Paleo, a secretaria da asociación, Olaya Pedrosa, outros membros da directiva como Celia Núñez, Purificación García e Moncho Castro, ademais de Alberto Rodríguez, promotor da concentración de coches clásicos, que tamén terá lugar esa xornada.
O retorno aos anos 60 enmárcase dentro das actividades, que cada mes programa o Centro Comercial Aberto, co obxectivo de promocionar o seu comercio e a súa hostalería e para ofrecer alternativas atractivas aos veciños e visitantes. A terceira Festa Vintage será o 18 de xuño. Os responsables do Centro Comercial Aberto animan “a focenses e visitantes a poñer os seus traxes e os seus vestidos para viaxar por un día á década dos anos 60”. Durante a xornada haberá pasarrúas, talleres infantís, colchonetas… que estarán instaladas na Avenida da Mariña. Esta rúa estará cortada ao tráfico durante todo o día. Ao final da xornada de compras haberá un sorteo presencial de 1.000 euros en vales de compra para gastar nos establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto.
Os días 17 e 18 de xuño celebraranse as xornadas gastronómicas dedicadas á Mariña Central e aos seu produtos do mar e da terra. Os locais participantes ofrecerán tapas elaboradas con peixe, con carne, con produtos da horta mariñá… “todo coa intención de animar a chegada do verán a Foz. Queremos darlle así a benvida”, dixo José Carlos Paleo.
Tamén durante eses días os clientes do comercio focense poderán beneficiarse de ofertas importantes. O venres, 17 de xuño, Foz acollerá unha campaña comercial da Federación de Comercio con sorteo de diferentes agasallos ao final do día.
E o día 18 a praia da Rapadoira acollerá a concentración de coches clásicos, que estarán alí expostos ata media mañá para despois percorrer as principais rúas da vila. Tras o xantar viaxarán ata Viveiro. Está previsto que retornen a Foz ás oito da tarde e que continúen expostos na Rapadoira ata a noitiña. ( FARO NORTE COMUNICACIÓN)