AS TAPAS DE XOYMA, O MUELLE E MAYROS FORON AS ELIXIDAS COMO GAÑADORAS DA XIV RUTA DAS TAPAS POLO XURADO AVALIADOR. O PÚBLICO, A TRAVÉS DE FACEBOOK, ESCOLLEU A DE CASA MAÑO COMO A MELLOR PRESENTADA E MENCIÓN ESPECIAL TIVO TAMÉN A DE BAR 78.
Foz, 17 de abril de 2017. Centos de persoas degustaron do 13 ao 15 deste mes en Foz as propostas gastronómicas en miniatura elaboradas pola ducia de locais hostaleiros que participaron na XIV Ruta das Tapas, organizada polo Centro Comercial Aberto.
O público, a través das súas votacións en facebook, decidiu que a tapa mellor presentada foi a “Piruleta de ternasco de Aragón”, de Casa Maño. A seguinte que reuniu máis me gustas, e que recibirá un diploma acreditativo, foi a elaborada por Bar 78.
O xurado, pola súa banda, elixiu como tapas gañadoras as seguintes: o primeiro premio é para cafetería restaurante Xoyma por “Un paseo por el norte”; o segundo premio é para “Pena do Escairo”, de O Muelle Bar; e o terceiro premio para “Feira de abril”, de cafetería Mayros.
Desde a directiva do Centro Comercial Aberto “agradecen a participación e o esforzo dos locais participantes nesta tradicional cita gastronómica da Semana Santa en Foz” e tamén teñen palabras de recoñecemento “para todos os ruteiros que saborearon as propostas da hostalería focense e a todos os votantes a través do facebook de Acia/CCA de Foz”.
Os premios serán entregados proximamente nunha xornada de networking, que se está a ultimar.